Curetes

Rea observa ós Curetes danzando e a Amaltea aleitando a Zeus (gravado de 1811, segundo un baixorrelevo romano)

Na mitoloxía grega, os Curetes foron sete ou nove xenios[1], fillos de Soco e Combe e nados en Eubea. Por veces, como é o caso de Hixino ou Estrabón, confúndense cos Coribantes[2]. Os seus nomes eran Primneo, Mimante, Acmón, Damneo, Ocítoo, Ideo e Meliseo.

Existe a lenda de que os Curetes tiñan dotes adiviñatorias, grazas ás cales puideron explicar a Minos, rei de Creta, como devolver a vida ó seu fillo Glauco, que morrera afogado dentro dun bocoi de mel no que caeu mentres intentaba cazar un rato.[3]

O seu pai Soco expulsounos de Eubea, polo que tiveron que andar vagando, xunto coa nai, por diferentes lugares de Grecia: Creta, Cnossos, Frixia (onde coidaron de Dioniso) e a Ática. Aquí, conseguen vingarse de Soco e así poder regresar a Eubea.

Combe tamén foi chamada Calcis, porque disque inventou as armas de bronce, ou porque os Curetes bateron as súas armas de bronce para que o estrondo permitira pasar desapercibido a Zeus. Noutras tradicións, os Curetes eran fillos de Apolo e da ninfa Dánae, ou de Zeus e Hera ou mesmo fillos de Xea.

  1. Non existe concordancia sobre o número de Curetes que, segundo as fontes, oscilan entre dous e nove.
  2. Bailaríns varóns tocados cun casco, que rendían culto á deusa Cibeles, bailando ó son de distintos instrumentos.
  3. Non obstante, a tradición máis común di que foi Poliido quen soubo onde estaba o corpo de Glauco e logo resucitouno.

© MMXXIII Rich X Search. We shall prevail. All rights reserved. Rich X Search